Saturday 20 de April de 2024

Últimos días para inscribirse na Xornada Formativa sobre doenzas e pragas dos castiñeiros


Será impartida por persoal técnico do Centro Agroforestal de Riós en colaboración coa Consellería do Medio Rural e a Axencia Galega da Calidade Alimentaria.

Este xoves de 10:00 a 14:00 horas o edificio administrativo da Laracha acollerá a xornada formativa sobre pragas e doenzas dos castiñeiros que impartirá persoal técnico do Centro Agroforestal de Riós en colaboración coa Consellería do Medio Rural e a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal).

Trátase da terceira e última sesión das que consta o curso formativo sobre a planificación, deseño, manexo e coidados das plantacións de castiñeiro de froito. Cada acción formativa é independente ao abordar cuestións de diversa índole, polo que non se require ter participado nas anteriores para poder asistir.

A inscrición permanece aberta. É gratuíta e debe formalizarse no Concello.
Estas xornadas van dirixidas especialmente a tres colectivos: produtores en activo, persoas que pretendan iniciar unha actividade agraria e desempregados na busca dunha incorporación ao mercado laboral por conta allea en empresas do sector primario.

A Agacal, a través deste tipo de iniciativas de formación, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico.